Reflexións e propostas sobre a polarización política e social en España

Un grupo de persoas ás que nos une a espiritualidade de San Ignacio e a preocupación pola xustiza e a convivencia, convocadas por Cristianisme i Justícia (CJ) e a Comunidade de Vida Cristiá (CVX), fómonos atopando ao longo dos últimos meses para compartir o noso sentir e parecer sobre a situación de extrema polarización que se vive na política e, por extensión, na sociedade española. Unha realidade que nos doe e nos preocupa coma cidadanía e coma crentes.

O grupo conformámolo mulleres e homes de diversas orixes, traxectorias e pertenzas. Desde esa riqueza dedicamos varias sesións á escoita acolledora, nun espazo de confianza onde compartirmos as emocións que a polarización nos provoca e as opinións que nos formamos ao agudizarse esta fractura social.

Aínda que nos acheguemos desde unha fe compartida, non temos a mesma posición sobre todo o falado e que aquí se recolle. Este documento non reflicte unha postura homoxénea do grupo, senón un resumo das reflexións que xurdiron con máis intensidade nas sesións.

O obxectivo deste documento é compartir con outros grupos e comunidades estas reflexións e propostas, animando non só á súa lectura, senón tamén a dedicar espazos ao diálogo sobre esta cuestión, buscando novas vías para o encontro. Sempre, e máis tratándose dun asunto sensible, suxerimos unha lectura de mente e corazón abertos, evitando prexuízos, presuncións e descartes inmediatos do lido en base á posición propia, cuestionando o que temos enquistado, con ollos que miran amodo antes de xulgar.

A que nos referimos ao falarmos de polarización social e política

Referímonos ao paso das opinións sobre temas políticos e sociais, ás posicións irreconciliables, de aí á confrontación e a exclusión de quen pensa diferente, para chegar á quebra da convivencia, á ruptura de relacións e, mesmo, á violencia.

Non apuntamos de forma negativa a unha posición política concreta, por extrema que esta sexa e sempre que respecte a lei e os dereitos humanos, senón á forma como estas posicións se encirran e enfrontan.

A polarización non é un fenómeno novo, nin en España nin noutros lugares do mundo. Dito isto, si constatamos que se exacerbou nos últimos anos penetrando en moitos espazos de relación interpersoal e con manifestacións novas, alentadas no terreo dixital.

Como sentimos

Aínda que non nos guste, somos conscientes de que nos afecta a polarización social e política. A pesar de  enmudecer ás veces, hai situacións nas que participamos dela e cremos a promesa fácil ou a idea empaquetada nun chío, fronte a consensos de calado fondo que tanto custou construír.

A agresividade que se chega a producir en grupos, familias, espazos virtuais ou presenciais, e tamén nas nosas comunidades e na Igrexa, desacóuganos e provócanos desesperanza, enfado e mesmo medo. Hai ocasións nas que optamos polo silencio incómodo para evitar a ruptura, un silencio contido que implica sufrimento, de quen sabe que as palabras poden ferir. Desorientados, ás veces preferimos recluírmonos e dedicármonos a coidar as persoas próximas, afastándonos de espazos máis amplos onde a anulación do outro converteuse en hábito.

Preocúpanos o que esta situación provoca na mocidade, nas nosas fillas e fillos que se atopan pivotando entre posicións extremas, atraídos pola aparente seguridade e o sentido de pertenza que lles achegan, sen apreciar os matices dos espazos intermedios que quedan esvaecidos.

Finalmente, sabémonos privilexiados por contar con espazos coma este, e outros, nos que sentimos consolo e seguridade, na confianza de que podemos expresar o que pensamos, sabendo que será acollido aínda que sexa no desacordo. Sentimos que as nosas comunidades, parte da Igrexa, deben ser así, espazos onde prime a mirada profunda de quen quere chegar ao fondo, non só das cuestións, senón do ser humano.

Que vemos

Vemos como se estende a polarización social e política en todo o mundo, impulsada por actores políticos que a deseñan, financian e promoven con éxito para sacar beneficio en forma de apoios á súa causa, sexa a curto prazo (votos, firmas e posicións) ou longo (cambios culturais en valores, crenzas e actitudes).

A súa extensión e crueza contamina relacións de todo tipo: familia, traballos, amizades e tamén comunidades de vida espiritual. Os medios de comunicación asolágannos de titulares duros que afianzan o que cada persoa pensa no seu polo, sen apenas deixar espazo para a diversidade de posicións, cada unha cos seus aspectos positivos, nin para o espazo intermedio. As redes sociais, que tanto ben poden facer de usarse con sensatez, convértense en lameiras infestadas de ideas fáciles, esaxeracións e insultos. A evidencia científica deixou de selo, cuestionada por un fío de chíos de calquera axitador da mentira.

Atopámonos con este fenómeno en case todo o mundo, con diferenzas, pero cunha orixe común: o de usar a democracia para logo laminala. O xurdimento de réximes autoritarios na fronteira co despótico, cada vez en máis países e desde aparentes dereitas e esquerdas, alenta o “comigo ou contra min”, perseguindo as opinións críticas. O espazo da sociedade civil restrínxese, chegando, en países con institucións máis fráxiles, ao extremo do peche, expulsión de organizacións e mesmo asasinato dos seus líderes.

Vemos con desgusto como consensos internacionais básicos, que custou tanto construír tras hecatombes como a II Guerra Mundial, son cuestionados e atacados. Os dereitos humanos non poden ser xoguete de extremismos que os neguen e alenten a súa vulneración.

Aínda que a súa manifestación máis frecuente é na tensión dereita-esquerda da política e a ideoloxía, a polarización tamén ocorre con formas parecidas noutros terreos. Este é o caso da cuestión territorial no Estado español, coas posicións excluíntes sobre a soberanía e independencia de Cataluña e, de xeito crecente, en relación coa concentración do poder en Madrid respecto a outras rexións do país, especialmente as máis abandonadas. Este é o caso tamén do conflito aberto entre o feminismo tradicional e o que acolle a teoría  queer e defende ás persoas trans ou con identidades de xénero non binarias. Un conflito  polarizado que está a debilitar a causa dos dereitos das mulleres.

A polarización ofrece solucións máxicas que non son tales, pero ao crelas firmemente a persoa afírmase e alíñase, chegando a sentir con certeza que os “polarizadores” son sempre os outros. É un fenómeno que talla a diversidade ao perseguir unha posición única e hexemónica, empobrecendo o debate e a creatividade inherente ao ser humano. Negamos a complexidade ao non escoitármonos nin recoñecérmonos, ao retirarlle a lexitimidade ao outro. A adhesión á fronte que sexa é simple, sen apenas discurso que a fundamente, e acaba centrada en “salvarme eu”, debilitando o compromiso social coas causas do sufrimento humano.

Constatamos que, baixo extremismos políticos e ideolóxicos, subxace con frecuencia o medo a perder o poder, a seguridade e os privilexios. Medo que conduce a reaccións defensivas. Os extremismos aproveitan a situación de inseguridade económica dos que son excluídos polo sistema. Recoñecemos tamén os nosos privilexios como persoas que vivimos nun país rico sen sufrir privacións severas. Ademais de asustarnos, o colapso ambiental cuestiónanos como parte dunha sociedade desenvolvida que, ante a escaseza de recursos, pode dedicarse a defender o seu, descartando ao resto e sen envorcarse en atopar alternativas para toda a humanidade.

Como crentes e membros da Igrexa, preocúpanos percibila centrada na defensa de categorías morais. Vemos con inquedanza a sectores da mesma implicados a fondo nunha “guerra cultural” sen cuartel que non é allea á polarización que describimos. Incluso a figura do Papa, cuxas propostas poden ser suxeito de debate, é atacada de xeito visceral desde extremismos radicais dentro da Igrexa.

De volta ás nosas parellas, familias, amizades e lugares de traballo, facémonos conscientes de que, a polarización, por máis que os alcanza e os dana, está máis no aire da vida política, electoralista, comunicativa e de redes, que nas persoas coas que nos relacionamos cada día, nos nosos afáns e quereres. Aléntanos ver a mulleres líderes sociais, intelectuais, xornalistas, artistas, que van ao fondo das cuestións, que se distancian dos polos para achegarse aos matices, ás evidencias. Que transcenden os marcos da agresividade e a exclusión para conformar outros de humanidade e encontro.

É nas comunidades nas que compartimos a nosa vida, onde tamén atopamos o espazo para centrarnos novamente no que de verdade importa, o encontro con Xesús, o servizo á fe e a promoción da xustiza.

Que podemos facer

Recollemos a continuación reflexións e propostas de actuación para conter a polarización extrema nas nosas contornas, contribuíndo á renovación da convivencia entre quen pensa diferente.

Coma cidadanía

  • Non alimentar a polarización. Non compartir contidos que contribúen a este clima de tensión e separación por ser agresivos ou estar presentados de forma agresiva. É imprescindible dedicar tempo a confirmar a veracidade da información que compartimos de forma presencial ou dixital. Ante a dúbida, mellor non facelo. O algoritmo non nolo agradecerá, pero a convivencia si.
  • Non deixarse impregnar por contidos agresivos ou de dubidosa credibilidade, por máis atractivos que resulten. As mensaxes e personaxes que destilan odio cara a quen sexa non poden ter cabida, nin no noso interior nin nos nosos espazos de relación. As malas palabras apelan ao instinto e acaban conformando realidades que nos fan ver ao outro como perigo, como inimigo a expulsar ou destruír.
  • O silencio non é sempre a mellor opción, pero pode sela e é positivo pedilo e exercelo en casos extremos, nos que falar ou compartir só vai contribuír a exacerbar a tensión e provocar a ruptura de grupos e relacións. Doutra banda, é lexítimo pedir respecto polas posicións propias e propoñer “espazos de confianza” nos que certos temas non se aborden ou se traten baixo certas regras. A amizade, a familia, o amor, teñen máis valor que a defensa sen concesións dunha postura ou que o ataque a un líder político ou partido.
  • Suxerimos valorar e pedir que se valoren as evidencias, datos e feitos contrastados como base indispensable da conversación. A mentira hai que sinalala, as emocións non poden levar á irracionalidade. Ao tempo, e a partir deses feitos, é necesario buscar a complexidade e a diversidade. Son poucos os desafíos actuais que teñen solucións simples, sen matices. É positivo sentirse ás veces inseguro, incerto, necesitado de posicións complexas que nos cuestionen. O discernimento, que debemos vivir e podemos ofrecer desde o noso carisma ignacián, vólvese indispensable na sociedade actual, para evitar reaccións viscerais ante situacións que requiren reflexión.
  • O diálogo aberto e a procura creativa de alternativas aos retos da sociedade non poden cuestionar as bases primeiras da convivencia. Non podemos sentirnos preto de populistas que cuestionan os dereitos humanos na súa universalidade ou laminan a democracia, que require dunha nova significación, respecto e reforzo. Democracia que debemos revitalizar como modelo de organización política e como estilo de sociedade, racional e respectuosa coa diversidade.
  • É indispensable deixar fóra dos debates extremos e electoralistas a defensa dos dereitos humanos como fundamento da sociedade. Tamén a crise climática, evidenciada pola ciencia, que afecta sobre todo aos máis pobres e á que só poderemos enfrontarnos desde un profundo sentido de sociedade común.

Coma crentes

  • Queremos facer realidade o valor e a dignidade de cada persoa, mesmo das que nos fan dano. Hoxe vólvese máis relevante a proposta de San Ignacio de “salvar a proposición do próximo antes que condenala”. Ou sexa, non excluír a priori a outras persoas e as súas opinións, escoitar primeiro, tratar de entender de onde vén e que hai detrás do escoitado. Ser capaces de manexar o afectivo nunha situación de diferenza e mesmo confrontación de ideas e dármonos conta, cando non sabemos facelo, de que tamén contribuímos á polarización.
  • Revitalizar as nosas comunidades de fe e vida como espazos de encontro e diálogo, tamén sobre posicións diferentes. Vivir o Evanxeo cunha visión non radical, non  xudicial ou rigorista, senón aberta.
  • Sen abandonar os espazos públicos máis amplos, reforzar o pensamento e o traballo local, en barrios e parroquias enraizadas na vida real, a cotiá de movementos eclesiais de base. Non deixar que as comunidades sexan instrumentalizadas por unhas posicións ou outras, senón facer que se convertan en fermento de transformación persoal e colectiva na procura de Deus.
  • Suxerimos renovar o noso compromiso de fe a través da espiritualidade do ben común que se nutre do pensamento de Ignacio Ellacuría, Gustavo Gutiérrez e outros, e que é unha espiritualidade “do outro” . Discernir que é o que convén á sociedade no seu conxunto, saíndo do noso espazo privado como único lugar. Un ben común que non é a acumulación de bens individuais, senón a construción dos colectivos desde unha profunda liberdade cristiá que nos limita á hora de ter todo o que desexariamos, que nos esixe renuncias.
  • Inspíranos e cuestiona a encíclica do papa Francisco “Fratelli Tutti” ao expor unha economía e unhas relacións sociais baseadas na vida de Xesús, na fraternidade entre irmás e irmáns, en compartir e construír sociedades xustas. Ese debería ser o noso “espazo intermedio”, o noso Ben Común.
  • A espiritualidade do ben común é liberadora, reivindica as persoas que viven na pobreza e colócaas como centro dos nosos afáns pola promoción da xustiza, esixíndonos abrir espazo ás súas voces. O noso lugar tamén está á beira dos máis vulnerables, nos que se encarnou Xesús

Ao final agarrámonos á esperanza, unha virtude que vén co espírito que nos habita. A esperanza en mulleres e homes que non usan a palabra coma un martelo, senón como unha posibilidade de encontro. A esperanza en organizacións e comunidades onde a diferenza atopa sitio, das que xorden opcións e alternativas para construír sociedades mellores. A esperanza no Pai que nos acolle no seu abrazo, máis aló dos nosos medos e rupturas.


[1] Sepúlveda del Río, I. (2021). Aportes de una Espiritualidad Liberadora a la Búsqueda del Bien Común. A: J. Senent de Frutos, J & A. Viñas Vera (Eds.), Espiritualidad, saberes y transformación social desde Ellacuría (pp.35-48). Comares.

Graciela Amo. Membro dos Grupos Loyola. Madrid.

Pedro Castelao. Universidade Pontificia Comillas. Madrid, galego.

Ángel Delgado. Enxeñeiro de camiños. Membro de CVX A Coruña.

Pablo Font Oporto. Sevilla. Profesor na Universidade Loyola Andalucía, membro de  CVX, colaborador  CJ. Sevilla.

Cristina  Gortázar.  Profesora na Universidade Pontificia Comillas. Madrid

María del Mar Magallón. Alboan. Bilbao, madrileña.

Cristina Manzanedo. Ödos. Membro dos padroados de Cristianisme i Xustiza ( CJ) e Fundación San Juan del Castillo. Madrid.

Pep  Mária. Xesuíta, profesor de ESADE, colaborador CJ. Barcelona.

Núria  Radó. Investigadora e profesora, Colaboradora CJ. Barcelona.

Alfonso Salgado. Profesor de universidade, membro de CVX. Salamanca.

Ignacio Sepúlveda. Profesor na Universidade Loyola Andalucía, membro de  CVX. Sevilla, chileno.

Pepa Torres. Madrid. Relixiosa (Apostólica do Corazón de Xesús), teóloga e educadora social; Revolta das mulleres na Igrexa. Madrid.

Javier Vitoria. Presbítero diocesán, colaborador CJ. Bilbao.

Chema Vera. Experto en Cooperación e Desenvolvemento. Madrid.

Las opiniones e ideas que aparecen en los artículos publicados desde Política-mente son responsabilidad de las personas que los han escrito y, por tanto, no necesariamente coinciden con los de CVX-España como institución.


[1]

1 comentario en “Reflexións e propostas sobre a polarización política e social en España”

Deja un comentario